
ATAQUE ESCAMPE
Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos (ARP, 2007)
"Que nome tan feo", pensei cando escoitei o nome do grupo, por primeira vez. Nen feito a propósito, se aínda fosen punkarras... Pero igual que son os actos das persoas os que fan que os seus nomes sexan sinónimo dalgo fermoso, é a música a que fai o nome dun grupo encantador ou non. Só así se pode explicar que nomes rematadamente feos coma Os Escaravellos ou Os rapaces da praia sexan hoxe sinónimo das máis talentosas músicas. E Ataque Escampe tamén son dos que cambian o significado do seu nome a base de talento e cancións para a -nosa- historia.
Adoptando unha fórmula desparafusada a medio camiño entre Violent Femmes, Del Amitri, The Pogues e incluso The Go-betweens (máis en concreto: guitarras acústicas, violin, percusións varias, kazoo e voz) son quen de construír un discurso propio con unha personalidade da que poucos grupos galegos poden fachendear, sobre todo coa súa media de idade, non superior ao cuarto de século. Axuda nesta tarefa, e moito, a incríbel voz rachada e grave de Alex -case inaudita no pop galego-, fillo bastardo de Tom Waits e Nick Cave e curmán lonxano de Josele Santiago e Enrique Bunbury. No seu ton profundo e desesperado as historias que contan estes galegos -imposíbeis de localizar concretamente xa que cada membro provén de cada unha das catro provincias- adquiren novos sensos e matices tan particulares que fan que as súas cancións sexan case imposíbeis de versionar. E xunto coa voz son precisamente as letras o máis característico de Ataque Escampe, versos cercanos por momentos á antipoética de Nicanor Parra, que fuxen coma do demo da nosa lírica pop-rock tradicional onde poucas veces se viron tratados temas coma a sexualidade dende o ponto de vista feminino ("ás veces frega a súa pube unha flor vermella ou azul e algo sóbelle (ou báixalle) todo através do seu corpo na espiña dorsal" cantan en Ana e o caracol), o fracaso do amor no seo do matrimonio ("ti fálasme da hipoteca, da túa nai, do seu reuma, doutra parella que dura e da televisión" din no Tango do Sintasol) ou acedas chamadas de auxilio desesperado fronte á realidade que lles tocou viver ("auxilio, teño corazón, non lle abonda o mundo no que estou, faime ser un móbel-bar cando soa o reggaetón" declaran en Móbel-Bar). Pesimismo controlado coa suficiente dose de ironía como para non caer no laio interminábel e saudoso tan característico doutras décadas.
Estes catro rapaces, dos que ao principio desconfiei coma bon galego, téñense convertido a base de cancións -como senón?- nun dos meus grupos de culto, deses dos que apenas te preocupas cando sacan o próximo disco porque aínda non cansaches das cancións do anterior. E os temas do seu debut, Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos, dubido moito que algún día me cheguen a saturar. Coma sempre soe acontecer cos clásicos.
...e eu que creía que eran dous da provincia da Coruña e dous da de Pontevedra...
ResponderEliminarSS-Tui (Valença)
MM-Lalín
RV-Bertamiráns
AC-Cedeira
boeno,sem animo de ofender nem a Alex, el de Cedeira - Cedeira nom é (mais que de apelido, que eu saiba). porque de Cedeira (quase) som eu. o erro só comprende uns 150 km. de distáncia (Cedeira-Limnhom). em todo caso, e por cima de tudo, Artábria vencerá.
ResponderEliminarSúmome ao lema fachendoso de i. Con todo o respecto para Cedeira, fermosísima vila mariñeira: o castelo de San Filipe, o Pasatempo, a Torre de Hércules e un cuarto dos Ataque Escampe son patrimonio de Artabria.
ResponderEliminarrecoñezo o meu erro...
ResponderEliminargraciñas pola correción...
quen dixo que non son punkarras??
ResponderEliminarIconoclastas, provocadores, transgresores, suburbiais, cervexeiros...
...xa decían os Siniestro Total que non fai falta levar o pelo de cor vermella para ser un punk...
a ver se un día lle dá a Miguel por romper a guitarra, ou a Samuel por escachar o violín nalgunha cabeza...
Eu súmome ao de que Artabria vencerá con toda a amargura e a retranca de quen o berramos baixo os presupostos da derrota xeracional.
ResponderEliminarE como dicía un grupo que tivo a honra de ser versionado por estes aló polo cretácico: mas vale ser punkie que maricón de playa (non entendendo por isto último unha ofensa homofóbica, como todos sabemos para ser maricón de playa non se necesita nen ser gay nen unha praia efectiva: é unha actitude vital...).
fenomenais o sábado no extrarradio da radio galega: un vai tomando nota de como entrarlle á xentiña polos bares...
ResponderEliminar