24.12.07

AE en Miraxes


Somos conscientes da escasa ou nula importancia da breve entrevista a Ataque Escampe que se emitirá este sábado 29 na TVG, no programa Miraxes. Pero é que desta vez saímos sentados nun banco, polo que pensamos que ben cumpría avisarvos. Dende AE desexámosvos a tod@s un feliz tránsito entre decembro e xaneiro.

16.12.07

De portas e casas


AE tocamos a noite do xoves 20 de decembro na Porta do Camiño, con máis grupos, para o Foro da Mocidade. E o sábado 22 estaremos na S.C. Madia Leva! de Lugo, aí contra as 20 h., polo dereito á vivenda. Abrigarse que vai moito frío.

12.12.07

Gala final dos GZ Crea


O venres 14 de decembro a partir das 20 h. terá lugar en Cangas a Gala Final dos Premios GzCrea 2007. Ataque Escampe participaremos coa interpretación de tres ou catro pezas, lucindo o disfrace de gañadores na especialidade de Música. A ver que tal nos acae e se non nos queda grande. Estabamos máis cómodos cos pantalóns de buzo da gala de Do Barro, pero "hai que darlle a todo", que dicía a avoa dalgún de nós.

3.12.07

Fin da Xira Bela Lugosi 2007


Vimos de despedir ao redactor porque a vida está moi cara para gastos innecesarios e porque carecía de obxectividade. Agora imos a polo mesmísimo Conde Drácula, que saíu vivo de Baiona a outra noite, a pesar de que tivemos que tocar até (modestia á parte) tres bises. Con seguridade, o noso vampírico compañeiro deixará de cometer atrocidades este mércores 5 de decembro no Clandestino (A Ramallosa), aí contra a medianoite aínda que soe a ironía. E o venres, cun repertorio de transición, estaremos na NASA. Así que aló nos vemos. By the shadow.