8.7.09

Once máis 15 (...e mais umha)

Vén de editarse a través de Edicións do Cumio o libro-CD de poemas musicados Once máis 15. As AE figuramos no corte 3 con "Ningún lugar seguro (GalegoZ Remix)", no medio de propostas sumamente atractivas como as de Zimmer103, Fanny + Alexander ou os sorprendentes Snail. Hai ademais no libriño un texto escrito pola companheira Xiana Arias que presenta a nosa canción. Certamente, tocounos o corazonciño, estímulo que aínda que non o pareza sempre celebramos por estes lares. Aínda así, cremos entrever unha referencia á lenda urbana de que ás veces nos facemos pasar por outro grupo, algo tan falso e malévolo como un sorriso de Moncho Lemos. Desculpamos a Xía a pequena confusión e agradecemos o espírito xeral das súas palabras. Eis o textiño:

Shane MacGowan de vocación
Nadina e Paul tentan conversar no Ruta (non é tan fácil) sobre a presenza de Xan na construción da identidade nacional. Paul bótase un pouco ao monte. "En realidade o poema de Antón Lopo expresa unha sensación pola que tivo que pasar nalgún momento o personaxe creado por Rastreros". Nadina dálle un grolo ao gintonic. "Ese era o que sufría por preñar unha muller?". Paul soña bailarinas rusas. "Perdoa, que dixeches?". Ela sorrí. "Nada, nada, só preguntaba canto amor cres que colle nun embarazo non desexado". El bebe bourbon. "Buf, igual bebín demais". Moven as cadeiras. "Pois brinda por ter algo polo que beber". Paul tenta roubarlle o limón da copa. "Esta canción é de Violent Femmes, non?". Nadina move a cabeza. "Ummm". Agárralle a modiño as mans. "Non, non. Creo que é de Ataque Escampe".


Fóra disto, o disco físico d'A grande evasión xa chegou ás tendas, mesmo a aquelas que nos prohibiran o anterior hehe. Tamén o podedes conseguir nos concertos (en breve anunciamos uns cantos máis) e a través d'A Regueifa Tenda.

Ademais, as ministras Samuel e Roi falaron no programa Onda Curta da TVG para presentar o videoclip de "Criptozooloxía aplicada" (a partir do minuto 23:20). Non perdelo, porque o Roi semella o presentador relambido e xovial que toda avoa quere para a súa neta.

Finalmente, a "ecuación" do título do post resólvese así: a ministra de novas tecnoloxías de AE vén de abrir os ollos ao que considera a realidade lexítima, necesaria e con vocación universal do reintegracionismo. Os posts continuará a escribilos na normativa do ILG-RAG por unha política de grupo, mais nos comentarios ha empregar a partir de agora a de AGAL. Con certeza, o e-Estraviz é unha ferramenta social ben máis potente có Facebook, no que estamos as 50 gatas de sempre.

2 falaron do tempo:

Cioara Andrei disse...
Esta mensagem foi removida por um administrador do blogue.
m.n.t. disse...
Esta mensagem foi removida por um administrador do blogue.

Enviar um comentário