Fuxindo do cotián
A grande evasión dos Ataque Escampe
A grande evasión dos Ataque Escampe
DANIEL LAVESEDO
Está recente aínda a presentación do terceiro traballo dos Ataque Escampe, A grande evasión, (A Regueifa Discos, 2009), tamén dispoñíbel, coma todos os anteriores, para ser descargado de balde dende a sitio web d’A Regueifa Plataforma. Na altura en que se traza a liña entre as grandes bandas e as mediocres, o combo con epicentro emocional no bairro compostelán de Vista Alegre achega unha calidade sonora que se vai afastando paseniño da etiqueta de serie B da man de M.Payno, a exercer de produtor do novo disco e coma sempre perto de todo o interesante que abrolla nas comarcas da Galiza central dende os tempos en que espertaba conciencias con Xenreira. Se á mellora nas músicas de Ataque Escampe engadimos a continuidade dunhas letras retranqueiras e coidadas, -até o punto de ter máis musicalidade elas nos anteriores traballos ca o propio son do grupo-, hai que coincidir coa análise de D. Salgado: a banda pasa a reválida e faino con nota.
A grande evasión chega aproximadamente un ano despois do suceso que tivo Galicia es una mierda (A Regueifa Discos, 2008), con 15 000 descargas e algún que outro ataque dos que non entenderon a crítica retranqueira e se enganaron coa provocación, -punk para L. Gómez-. De feito, houbo algúns que incluso pensaron que a censura era o mellor método para non incomodar as mentes autoodiantes da clientela que sobe e baixa nas escaleiras mecánicas mentres mira chegar a primavera e as semanas fantásticas. Malia estas e outras pequenas e curiosas anécdotas, no espazo que houbo entre traballo e traballo o mundo criativo da banda non parou de ferver e agasallaron os seus seguidores con Galicia es una fiesta, (A Regueifa Plataforma, 2008) cos remixes do Dr. Painkiller de cinco dos temas do segundo traballo da banda. Tamén houbo mudanzas na formación, malia conservaren intacto o núcleo formado aló polo comezo do século na Facultade de Filoloxía da USC por Samuel Solleiro, Roi Vidal, Miguel Mosquera e Álex Charlón, e así a marcha do acordeón de Francesc Esteve, Paq, deu lugar á entrada dos teclados de Lois García.
Este novo traballo dos composteláns foi pensado coma unha viaxe arredor do mundo. Segundo eles mesmos teñen manifestado, despois de empregar Galiza como metáfora do mundo decidiron escoller o mundo como metáfora de Galiza e deste xeito tirar de Steve MacQueen para encetar un LP que engala e vai dun continente a outro, de Islandia ao Nilo, de Arabia até o lago Ness, para rematar chegando de volta a Alcatraz e confesar que na casa sempre se come moito mellor… e que as viaxes ás veces poden sentar mal. Mais neste caso a viaxe é estrictamente literaria, as imaxes e as sensacións seguen a nos chegar dende as letras, -feitas en conxunto por todos os membros-, e non dende unha sonoridade, mellorada, pero que apenas racha a monotonía do rock acústico de raigame americana con lixeiras chiscadelas á rumba ou ao vals e un regusto final que en case todos os temas é altamente popie. Guitarras acústicas acompañadas do violín ou do banjo, ás veces incluso do kazoo, que vén sendo sinal de identidade dende os comezos. Quizais o resultado agardado nunha banda en que os membros non teñen formación musical senón filolóxica e que fachendean, aínda que sexa coa boca pequena, de facer música que lle gusta especialmente á xente que non gusta da música. Porén, se é un feito innegábel que máis da metade das novas e escintilantes estrelas da música apenas saben tocar máis ca catro acordes nunha guitarra, -cando hai sorte-, habería que falar moi polo miúdo quen gusta realmente da música.
Xa está dito que a autoetiqueta de “rock de serie B” comeza fallar por resesa e a provocación quizais xa non sexa tan punk: arrecende máis a pop, sen deixar de ser provocación. Provocación intelixente. O único medo é que o salto dado, -de xuntaren cancións feitas aquí e acolá e ensarillalas sen moita orde a criaren un disco argallado como peza total, unha viaxe ben pensada polo mundo de fóra-, remate por lles tirar frescura a Ataque Escampe. Mentres isto non aconteza, gocemos coa súa andaina.
Só tres cousas que comentar:
1-non se menciona unha ministra, a avoa da cámara;
2-a crítica está ben documentada e achega reflexións interesantes;
3-non deberían existir certos medos: fomos, somos e seremos sempre UNS frescos.
E ben, si hai unha ministra con formación musical, e non pouca. Ten un papel estelar no recén gravado terceiro videoclip de Ataque Escampe (falaremos del en breve) e achéganos como despedida do post esta lixeira e simpática peza tradicional de Abingdon, a cargo dunha agrupación local que leva por nome "Radiohead".
0 FALARON DO TEMPO:
Enviar um comentário