19.10.09

Crítica d"A grande evasión" no Diario de Ferrol

Novidades: A Regueifa. A grande evasión. Ataque Escampe.

Disque no mundo da música está todo inventado, que é moi difícil facer algo realmente orixinal e que todos os novos álbums son copias doutras obras anteriores. Pois iso que llo digan aos composteláns Ataque Escampe, que co seu segundo LP en estudo están a reinventar o rock acústico baixo a etiqueta de “rock de serie B”. Despois do irreverente e novidoso “Galicia es una mierda”, presentan “A grande evasión”, un disco que, sendo fiel ao estilo da banda, presenta unha importante renovación tanto no aspecto musical como no letrístico. Ataque Escampe sempre amosaron a súa vontade de innovar na súa música e non facer produtos repetitivos. En “A grande evasión” aparecen unha batería eléctrica (SIC) e mais uns teclados que no álbum anterior non figuran, o que permite dotar á parte musical dunha maior complexidade.
Este disco, a diferenza de “Galicia es una mierda” ou mesmo daquela primeira maqueta chamada “Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos” ten unhas melodías máis lentas, mesmo melancólicas. No que se refire ás letras, presentan a complexidade á que nos teñen habituados. En cada unha das cancións mestúranse elementos cinematográficos –o propio nome do disco está sacado dun filme de John Sturges–, con elementos da poesía galega ou do teatro. Mesmo fan evocacións a elementos da cultura de masas que marcaron a infancia dos músicos, como o coñecido videoxogo “Super Mario Bros”, que inspira o tema “Sempre nos matan”. “A grande evasión” pódese descargar de balde baixo licenza “copyleft” desde o web da Regueifa Plataforma.
A esta ministra moláballe máis a crítica do Lavesedo, aínda que nos dese algo de caña. De todos os xeitos benvido sexa o pronunciamento.
Para completar o melífluo do post pensaba pór a banda sonora de "La aldea de Arce". Porén, hoxe hai activismos que merecen máis intensamente unha homenaxe, sobre todo cando unha mesma non puido cumprir a causa dunha inoportuna gripe (non sei se A ou simplemente de serie B). Así que me toca, vai un tema dun dos grandes normalizadores do noso idioma, sobre o noso idioma. Minha pátria é minha língua. Livros, discos, vídeos à mancheia. E deixa que digam, que pensem, que falem...

0 FALARON DO TEMPO:

Enviar um comentário