Eis a crítica aparecida no nº VIII da revista Arraianos.
A primeira vez que escoitei aos Ataque Escampe en concerto foi como se me atopase a min mesmo, con dez anos menos e bastante máis talento e formación musical da que tiña eu daquela, facendo realidade o eterno soño frustrado dun adolescente revolucionario que quería facer música caralluda para que o seu vello lle dixese algún día que todo aquilo era unha puta merda. Dende entón, esta banda arraiana, coas raizames no barrio compostelán de Vista Alegre e as pólas máis altas da árbore chegando á costa oeste dos Estados Unidos, xa leva catro discos editados.
Cada vez soan máis luminosos e felices, brothers, máis retranqueiros pero igual de artesanais có licor café matador de mosquitos. Dende Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos (2007) até A grande evasión (2009) chove seguido nas cabezas librepensadoras destes discípulos heterodoxos de Andrés do Barro, Peckinpah, Xil Ríos e Vidal Bolaño. Pero no medio desa chuvia infinda de ideas e de sons ben enfiados e de letras afiadas, non podemos esquecer a treboada de Galicia es una mierda (2008), con sermón incluído, o interludio erótico festivo de Galicia es una fiesta (2008), o seu premio GZ Crea e a posta en funcionamento da Plataforma A Regueifa.
No seu último disco, que é do máis destacado do ano no panorama galaicopopeiro, hai orixinalidade, videoxogos, cinema e mesmo algo de filosofía oriental: todo o que cae na rede é peixe, que pode rematar na ecléctica cocteleira de retranca vitaminada que xa é marca da casa destes regueifeiros galegos e universais. Velaquí temos unha música feita con sensibilidade e agarimo, un produto orixinal e exportable, un rock de serie B que arrecende a viño de taberna pero que baixa coa suavidade intensa da mellor augardente vella de Ludeiros.
Carlos Codias

Este comentário foi removido pelo autor.
ResponderEliminarSe soubese escribir así de ben, esa crítica podería ter saído das miñas dúas neuronas. Expresa á perfección a miña opinión sobre vós, só que terían que ser 15 anos menos no canto dos 10!xD
ResponderEliminarÉ moi gratificante e cómodo ter alguén que exprese tan ben o que un sinte sen ter que molestarse en escribilo un mesmo.
pois obrigadas Olbap! : )
ResponderEliminar