A saída dixital do disco está marcada para o 27 de abril. Como petisco xa tedes os dous adiantos, aos que agora engadimos os comentarios dos dez temas:
1. Xogar na segunda división non é intrinsecamente malo. Axuda en todo caso a relativizar os problemas e a ver a vida con outros ollos. Ás veces, ante os problemas, prodúcense momentos de estraña euforia colectiva, a alegría de quen ten xa ben pouco que perder. Desa felicidade sarcástica dos oprimidos nacen os ritmos que máis nos prestan. É de noite e non temos cartos, pero no ghetto non se está tan mal se se lles deixa liberdade aos pés ou se Meteogalicia anuncia sol para o día seguinte. Sobre un par de acordes dun irrecoñecíbel John Coltrane, construímos con moito rhodes e un saxo tenor a nosa arte poética para os violentos, violentísimos anos dez.
2. En máis dunha cousa e en máis de dúas, falar de racismo para referirse a algúns aspectos da realidade política deste noso far west non é particularmente esaxerado. Título de vaqueirada e música de xoguetes rotos neste Once Upon a Time: a Terra Cha. Unha canción triste para nenos do interior.
3. Unha tal Ana protagonizou, anos atrás, un vello éxito de Ataque Escampe. Ana regresa hoxe nunha nube de electricidade: non lle interesan os moluscos e ten moito que dicir. Unha misión de audaces que só podía rematar coa providencial axuda das Supremes. Unha canción contra a inocencia que, non por acaso, é ao mesmo tempo unha canción sobre as cancións e sobre o cabo pelado que conduce da música ao sexo e viceversa.
4. Nuns versos célebres, Rosalía de Castro focalizou un importante problema do país nunha ameaza exterior. Apoiándonos no rock sureño e na música africana, modificamos eses versos aplicados a un contexto dixie para amosar como o problema tamén pode estar na propia cabana do tío Tom na que vivimos, e retratar unha sociedade esquizofrénica por causa da pegada da escravitude que pode ser, perfectamente, a nosa.
5. A cidade que Elvis percorría na súa bicicleta no filme Fun in Acapulco (Richard Thorpe, 1963) é hoxe un lugar bastante decadente que coñeceu tempos mellores, e por iso o amor en Acapulco só pode ser imperfecto e benintencionado, como a nosa música. Coa axuda do gran Cantinflas percorremos a cidade mexicana e levamos nos altofalantes este tema instrumental, posibelmente o máis sofisticado que as Ataque Escampe fixemos nunca, e que soará no fío musical cando, para celebraren as vodas de ouro, salten da Quebrada os xubilados que nunca seremos.
6. Facemos, a partir duns poucos versos roubados do libro Acusación de Xiana Arias Rego, unha homenaxe ao xénero cinematográfico do blaxploitation. No filme Superfly (Gordon Parks Jr., 1972) hai unha secuencia que ten lugar nun bar no que está a tocar, como quen non quere a cousa, o único grande do soul con nome de concello galego: Curtis Mayfield. En certo modo a música fai que o conflito dos protagonistas do filme (algo sobre drogas, cremos lembrar) resulte anecdótico fronte ao verdadeiramente importante, que, como na vida, acontece sempre nun segundo plano. En canto a Mr. Mayfield, tamén gostamos da súa presenza no escenario como un señor normal. Podería ser o noso pai no caso de que algún dos nosos pais fose negro.
7. Non imos dicir nada novo: cando hai unha ferida cómpre un pouco de esparadrapo, algodón de Louisiana e moita, moita paciencia. Un poema de Robert Haas e a voz convalecente de Billie Holiday, aderezados cos saloucos dos slides e a asma dos hammonds, orixinan unha canción envolta nesa calma, eléctrica e impredicíbel, que teñen as cálidas noites de chuvia no vello sur.
8. Unha versión non rapeira dun tema de rap sempre é unha aposta estraña. En todo caso, postas a celebrar as músicas de raíz negra das que máis gostamos, non podiamos perder a oportunidade de versionar os enormes Malandrómeda coa súa exhaustiva descrición do que debe ser unha festa malandrómica. Capas superpostas de instrumentos irrecoñecíbeis, ruídos cósmicos e a voz do cantante suplente, no momento álxido do disco se o medimos pola escala do optimismo.
9. Desdobrámonos, deixamos atrás a nosa pel de serpe e observámonos, a nós e á xente da nosa laia, a través dos ollos dunha persoa normal. Temos as nosas dúbidas sobre se gostamos daquilo que vemos. A sección de ventos fai o resto, e desa si que gostamos.
10. No ano 2019 imos ter aínda menos pelo que agora e os violentos anos dez irán chegando ao seu final. Voltarán (esperámolo así, ou talvez non) tempos plácidos e contemplativos. Como for, o disco só podía rematar en clave de spiritual, entre puñaladas de relixión e o desacougo dunhas vacacións en Twin Peaks (David Lynch e Mark Frost, 1990-1991). No final deste spiritual 2019, unha harmónica, un banxo galáctico e unhas poucas pandeiretas anuncian seguramente algo, bo ou malo pero que, en todo caso, descoñecemos.
Comentarios dos temas de Galicia es una mierda.
Comentarios dos temas dA grande evasión.

Xa chegou a entrevista do AchegArte á Cara Escura da Lúa e gocei moito dela cando a vin na TV. Quedo co da música galega: claro que hai que dicilo (e ben forte), o que non ten vontade de selo, como carallo vai selo?
ResponderEliminarForça AE!! E força Barça! xD
Por fin comenza a conta atras dos Violentos Anos Dez... 10, 9, 8, 7, 6, 5, 4, 3, 2... e 1
ResponderEliminarAnsiosos por ver a criatura
con retraso, obrigadas ás dúas comentaristas (deportivas, e tanto: porque o disco xa estaba por todas partes xD). saúde e visca el fútbol!
ResponderEliminar