Xa podedes escoitar dous adiantos de "Violentos anos dez" no noso myspace: "Curtis Mayfield" e "A cabana do Tío Tom". Este último tema, ademais, concursa dende hoxe no Cantalingua.
Facemos, a partir duns poucos versos roubados do libro Acusación de Xiana Arias Rego, unha homenaxe ao xénero cinematográfico do blaxploitation. No filme Superfly (Gordon Parks Jr., 1972) hai unha secuencia que ten lugar nun bar no que está a tocar, como quen non quere a cousa, o único grande do soul con nome de concello galego: Curtis Mayfield. En certo modo a música fai que o conflito dos protagonistas do filme (algo sobre drogas, cremos lembrar) resulte anecdótico fronte ao verdadeiramente importante, que, como na vida, acontece sempre nun segundo plano. En canto a Mr.Mayfield, tamén gostamos da súa presenza no escenario como un señor normal. Podería ser o noso pai no caso de que algún dos nosos pais fose negro.
Nuns versos célebres, Rosalía de Castro focalizou un importante problema do país nunha ameaza exterior. Apoiándonos no rock sureño e na música africana, modificamos eses versos aplicados a un contexto dixie para amosar como o problema tamén pode estar na propia cabana do tío Tom na que vivimos, e retratar unha sociedade esquizofrénica por causa da pegada da escravitude que pode ser, perfectamente, a nosa.
En breve describimos o resto dos temas, irmáns.

0 FALARON DO TEMPO:
Enviar um comentário